martes, 31 de mayo de 2011

VISITA DE JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO

Hoxe recibimos a visita de Jacobo Fernández Serrano, autor lo libro A pedra e as formigas que leron os nenos e nenas do 1º ciclo. Se queres saber máis deste escritor e ilustrador, so tes que investigar neste mural que podes ampliar premendona imaxe.



Jacobo falounos de como traballa nos textos e nas ilustracións, como se publican os libros nas editoriais e moitas cousas máis. De agasallo deixounos os seus debuxos e unha estupenda dedicatoria no noso libro de visitas. Moitímas grazas, Jacobo. 


sábado, 28 de mayo de 2011

A GRAN FÁBRICA DAS PALABRAS

Existe un país onde a xente case non fala. Nese estraño país, hai que mercar e  tragar as palabras para poder pronuncialas.
Diego necesita palabras para abrir o seu corazón á fermosa Aura. Pero, ¿cales escoller? Porque, para dicir o que quere dicirlle a Aura, ¡necesítase unha fortuna! Non pode trabucarse…

Un texto poético de Agnès de Lestrade, ilustrado co talento e o maxín Valeria Docampo. ¡Un agasallo para os ollos e os oídos! Unha oda á máxia das palabras e unha fermosa historia de amor. Espero que pronto podades gozar deste libro na nosa biblioteca.


Por certo, noutra ocasión amosareivos outras alfaias desta editorial... unha gozada!!!

miércoles, 18 de mayo de 2011

DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS

Cada 18 de maio, dende o ano 1977, celebramos o Día Internacional do Museo.

O certo é que paga a pena entrar nun museo e gozar coas marabillas que nos ofrece, pero como non sempre é posible achégovos a posibilidade de contemplar as mellores obras de arte do mundo. Só tes que premer no cadro e selecionar o museo que queres visitar. Espero que gocedes co paseo.

martes, 17 de mayo de 2011

SALVANDO LIBROS

Co gallo do Día das Letras, 96 bibliotecas escolares galegas decidiron xuntarse para SALVAR LIBROS... aqueles libros escritos en galego e por galegos que desexan gardar na aldea dos homes e mulleres-libro.
Así, ó fío do argumento da novela Fahrenheit 451 pensouse en que se iso sucedese hoxe...¿que libro salvariamos nós de entre os numerosos da literatura galega?

O arquitecto e debuxante Jaime Jaureguizar, fixo o deseño dos fermosos carteis que serven de soporte é fan posible a imaxe da actividade e este é o resultado.

Libros SALVADOS en infantil.
 


E os libros SALVADOS en primaria.



E agora...¿que libro salvarís ti? Podes escribilos nos comentarios.

lunes, 16 de mayo de 2011

LETRAS GALEGAS 2011: LOIS PEREIRO

Revisando os danos
 A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda, á esquerda.
En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulle cambiando os argumentos
ós meus soños escasos e prudentes.
 
 


Narcisismo
  Sigo os pasos do sangue no meu corpo
e coa unlla do meu dedo máis firme
abro un sulco vermello en media lúa
na vea que me acolle tan azul.
Pereiro, Lois (1992). Poemas 1981/1991



Explórote cos ollos
 Explórote cos ollos
descúbrote por dentro
profanando o teu sangue que levo ó meu desexo
paséome por ti
examino os teus procesos
orgánicos
mátote e morro en ti
máis docemente

ou mellor
inocúlame ti a min
veleno dos teus dentes
mergúllate no meu sangue
inxéctate nas veas
que te observan

e xa doente dóeme
a túa dor no teu desexo
berrando en cada óso
e a túa morte
mátame e resucítame
para ó final
morrerme

morre en min
sobrevive
letal amor
que nunca perde
o alento
coa súa sede de amor
e os seus cinco
sentidos.
Pereiro, Lois (1995).
Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995)
 

CARTACES LOIS PEREIRO

Lois Pereiro invadiu o nos o cole. Hai uns días colocamos os cartaces elaborados polo CEIP Laredo (Chapela) e que gañaron o concurso das Letras Galegas deste ano. Hoxe están xa os que elaboraron os nosos nenos e nenas.

jueves, 12 de mayo de 2011

LIBROS LETRAS GALEGAS

Na biblioteca xa temos preparada a unha nova exposición de libros. Desta volta temos selecionada unha escolma de títulos escritos por escritores e escritoras galegas que de certo serán do voso gusto. Incluso poderás atopar algunhas letras cantadas!!! Pasa pola biblioteca e bótalle un ollo... seguro que atoparás algo do teu interés.

miércoles, 11 de mayo de 2011

TITIRILIBRO

Inducen á risa e á felicidade, son travesos e irreverentes, sobreviviron ao paso do tempo e, coa súa sinxeleza, encandilan a xeracións enteiras do pasado, do presente e do futuro. “Titirilibro, a los títeres vamos” é unha homenaxe aos teatriños, ás marionetas e aos artífices desa maxia. O libro-cd, prologado por Ignacio Sanz, contén 16 temas musicais, uns tradicionais e outros compostos e interpretados para a ocasión polo Nuevo Mester de Juglaría, con fotografías de Pelu Vidal e Gonzalo Boullón, que amosan os distintos tipos de títeres -de variña, de luva, de fío...- e espectáculos do máis imaxinativo que transmiten toneladas de ilusión e arrincan os aplausos agradecidos do público.
 Por certo, tamén tedes imaxes dos redondelás máis titiriteiros: Tanxarina.

NOVOS RECUNCHOS

Dende esta semana xa podedes gozar cos novos recunchos da biblioteca: o recuncho multimedia e o recuncho de música. É certo que hai tempo que temos préstamo de Cds para as casas, pero dende esta semana tamén poderás sentar comodamente e gozar escoitando música no tempo de recreo.
Lembra que para que todas e todos podamos usar estes novos recunchos, debemos ter en contar unha serie de consideracións que podes refrescar premendo nas imaxes.

         

lunes, 9 de mayo de 2011

VISITA DE MAR GUERRA

Despois dunha pequena espera, a esperada visita de Mar Guerra chegou por fin!!
 Hoxe, o alumnado de 5º e 6º puido preguntarlle á autora de Xenaro e a hucha do indiano todas as súas dúbidas e inquedanzas ao redor deste libro e o seu proceso creativo.

Ademais, Mar argallou un xogo coas palabras: pensar nunha palabra que lle gustara a cada quen e logo votar a máis bonita de todas. Queredes saber cal foi a palabra gañadora? Pois unha palabra que nos fai rir cada vez que aparece pola porta: cóxegas
E como non podía ser doutro xeito, a partires das palabras escollidas, elaboraron un microrelato... todo un reto que souberon superar con maxín e boa redación.... aínda que hai quen debe buscar a palabra cóxegas no dicionario!!!



Mar Guerra tamén asinou no noso libro de visitas e nos libros dos nenos e nenas que llo pediron.
Moitísimas grazas por esta fantástica visita!!

sábado, 7 de mayo de 2011

LINGUA MINORITARIA

Espallar, coma un contaxio, o optimismo a prol da lingua galega. É o que queren conseguir catro vídeos a prol do galego, producidos por Manuel Núñez Singala e Manuel Bermúdez, do Servizo de Normalización Lingüística da USC. 
Velaí vai o video titulado Lingua minoritaria, pero temén podedes ver Contaxio, Liberdade e Responsabilidade.


miércoles, 4 de mayo de 2011

NOVO LIM SOBRE LOIS PEREIRO

Dende o CEE Terra de Ferrol achégannos un novo LIM sobre o poeta das Letras Galegas 2011, Lois Pereiro.
Para aceder so tes que premer na imaxe.



Via actividades LIM

martes, 3 de mayo de 2011

RECURSOS LETRAS GALEGAS

Agora que xa fixeches unha primeira achega á figura de Lois Pereiro podes continuar aprendendo cos recursos e actividades recollidos neste enlace. Lembra que quedará pendurado na columna da dereita para que podas atopalo facilmente.


lunes, 2 de mayo de 2011

LOIS PEREIRO

Xa estamos no mes de maio, o mes das letras galegas. Xa sabedes que este ano homenaxeamos a Lois Pereiro, e para que saibas máis sobre este autor, aquí tedes unha liña do tempo elaborada por quinif.

domingo, 1 de mayo de 2011

ANIMACIÓN INFANTIL

As series infantís de animación 'Caracois' e 'Os contos do camiño' comezan a emitirse en maio na tvG2.

A partires do día 2 , os máis pequenos gozarán coas aventuras duns animaliños de xardín en Caracois, en horario preeschool (de 7.30 a 8.00 horas) e de luns a venres.
Tamén con esta periodicidade semanal comezará a súa emisión o día 16 Os contos do Camiño. Deste xeito, de 17 a 17.30 horas os rapaces poderán recoñecer novas versións de relatos que marcaron a evolución de distintas culturas.
En ambas series, OQO filmes adapta os álbums ilustrados da editorial ao formato audiovisual, a través da técnica de animación stop-motion. A difusión internacional do catálogo editorial de OQO e a popularidade alcanzada por moitos dos títulos entre os nenos e nenas de diferentes países, supón unha oportunidade para a penetración de ambas entre o público infantil.
A presenza no mercado de librerías, no sistema educativo e nas bibliotecas públicas de toda Galicia fan que os personaxes reflectidos nas series resulten próximos a milleiros de cativos.
Deste xeito, os rapaces terán a oportunidade de volver gozar das historias de contos tan coñecidos para os cativos como A bruxa regañadentes, Corre corre, cabaciña, Chocolata, Ollobrusco, Rato Tom e Rata Tomasa, A incríbel historia da nenapaxaro e o galopín...

Ao igual que cos libros de OQO editora , a filosofía de OQO filmes remite a unha aposta por un entretemento para os cativos de calidade e en galego: boas historias que merecen ser contadas, sexa en libro ou en filmes.
Esta calidade está avalada polo recoñecemento de prestixiosos premios internacionais. Así, libros de OQO como Caixa de cartón, O último canto, Fume, Celestino Tarambaina e A cousa que máis doe do mundo, entre outros, teñen mencións como o White Ravens, que os distingue como os álbums máis fermosos do mundo. Premios do Ministerio de Cultura, da Asociación Galega de Editores (AGE), os Andersen – Il Mondo Dell’Infanzia ou da Fundación Espace Enfants de Suíza tamén recaeron en contos da editorial. Algúns deles, como A princesa do Caurel ou A cousa que máis doe do mundo, forman parte das novas series.
De igual xeito, Os contos do Camiño foi candidata á Mellor serie de Animación na última edición do Festival Internacional de Cine de Animación de Annecy (Francia). Ademais, foi seleccionada na 50 edición do Festival Internacional de Cine para nenos de Zlin (República Checa) e no festival Internacional de Televisión de Barcelona, organizado por OETI (Observatorio Europeo da Televisión Infantil).